O programa “Iacobus patentes” conxuntas de investigadores da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal abre a súa segunda convocatoria

O prazo para inscribirse estará aberto ata o próximo 28 de xullo e poderán participar investigadores vinculados ás Universidades e Institucións de Ensino Superior de Galicia e do Norte de Portugal participantes no programa

Terá unha dotación financeira de 40.000 euros, para apoiar a obtención ou solicitude de patentes conxuntas

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022 A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal lanza a ' title='https://iacobus.gnpaect.eu/sites/default/files/docs/descarga/bases_iacobus_patentes_2021-2022_gal.pdf">'>https://iacobus.gnpaect.eu/sites/default/files/docs/descarga/bases_iacobus_patentes_2021-2022_gal.pdf">segunda edición do programa IACOBUS Patentes, destinada a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de I+D+i mediante a concesión de axudas para peticións de patentes promovidas dende a Eurorrexión.

O prazo para a entrega de candidaturas a esta segunda convocatoria do IACOBUS Patentes finalizará o 28 de xullo. Poderán presentarse á convocatoria as patentes realizadas conxuntamente entre, polo menos, un inventor dunha institución galega e outro dunha institución do Norte de Portugal. Cada candidatura seleccionada optará a unha axuda financeira de 4.000 euros repartidos ao 50% entre as institucións dos dous candidatos.

A AECT da Eurorrexión GNP procura favorecer así o esforzo de valorización económica necesario para a actividade inventiva de novos produtos ou servizos con aplicación industrial; estimular a protección internacional da tecnoloxía, así como fomentar a protección das invencións galegas e portuguesas a través de patentes; contribuír para a melloría da competitividade das institucións na procura de mercados internacionais e impulsar a presenza da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal nas listaxes de pedidos de patentes internacionais, promovendo a súa notoriedade nas redes de atracción de capital risco de base tecnolóxica.

Para participar, os candidatos deben ter contrato coas tres universidades galegas -Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo- xunto coas universidades de Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro e a Universidade Católica Portuguesa, así como os Centros Rexionais do Porto e de Braga e os institutos politécnicos do Porto, e do Cávado e do Ave.

A solicitude de patente ou o certificado da patente concedida debe ter polo menos dous coinventores, que presenten a candidatura ao programa IACOBUS (un dunha institución galega e o outro dunha institución do norte de Portugal). No caso de existir máis coinventores deberán autorizar a presentación de la candidatura. Non existe límite no número de coinventores da patente nin restricións relativas ás nacionalidades, salvo as anteriormente mencionadas. Cada patente ou solicitude de patente só poderá ser presentada unha vez.

En ningún caso serán obxecto de subvención as validacións de patentes europeas en España ou en Portugal, nin as entradas en fase nacional en España ou Portugal. Esta axuda económica do Programa IACOBUS é compatibel con outros apoios, axudas ou incentivos procedentes de calquera das Administracións ou entidades públicas ou privadas, nacionais, da UE ou de Organismos Internacionais.

O programa IACOBUS, cofinanciado polo programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP), nas súas tres modalidades -Estadías de Investigación, Papers e Patentes- é un programa consolidado de apoio á investigación e innovación conxunta na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal.

O IACOBUS iniciouse en 2014 coa sinatura do Protocolo de Cooperación Cultural, Científica e Pedagóxica entre as Universidades e as Institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, integrándose os Centros Tecnolóxicos en 2018, e as Fundacións, Centros Académicos Clínicos e Institutos de Investigación de Saúde da Eurorrexión en 2020.

Imaxes relacionadas